Entradas

Mostrando las entradas etiquetadas como Dia de...

Día do libro

Imagen
Un ano máis celebramos o día do libro regalando libros!! O xoves 23 teremos na biblioteca unha selección limitada de libros novos e de segunda man que os usuarios da biblioteca poderedes levar como agasallo. O venres 24 deixaremos a caixa de libros na parada de autobús de Esgos para que os veciños que o desexen collan Feliz día do libro!! (Recordatorio: o venres 24 a biblioteca estará pechada ao público)

Tardeo polo día da muller

Imagen
O Concello de Esgos organiza un ano máis o "Tardeo do 8M" para conmemorar o #8M, día da muller. 📆 Xoves 5 de marzo ás 18:00h no Centro Cultural Parada Justel. Comezaremos coa charla/obradoiro "Movendo os marcos" de Carmen Penín na que   aprenderemos sobre corresponsabilidade, centrándonos na xestión das emocións e do tempo e se darán ferramentas e ideas para o día a día. Remataramos a xornada cuns petiscos. Por cuestións de axenda vémonos na obriga de retrasar ao mes de maio o monólogo "Enredadas" de Leti da Taberna.  Debido a esta actividade a biblioteca estará pechada ao público!!

Día do usuario das bibliotecas

Imagen
No mes de xaneiro celébrase o "Día do usuario" nas bibliotecas públicas e na de Esgos queremos facer un recoñecemento público aos usuarios que máis nos visitan e aos que más libros retiran, xa que os usuarios sodes a razón de existir das bibliotecas públicas. ▪️ Usuarios que máis acuden á biblioteca:  Adultos: Chita, Marti Carmen e Martín Mocidade:  Galiza, Eva e Fernando Infantil: Hugo, Xabi e Dana ▪️ Usuarios con máis préstamos: Adultos: Moncho, Loli e Layo Mocidade: Eva, Fernando e Ainhoa Infantil: Xabi, Dana e Noa Durante o ano 2025 realizáronse case 800 préstamos de libros o que supón un gran logro. Sigamos así. Parabéns!!

Día de las bibliotecas: Manual para vivir en el rural

Imagen
Segundo a IA:  A finalidade das bibliotecas é proporcionar acceso á información, o coñecemento, a cultura e o lecer, actuando como centros comunitarios para a aprendizaxe, a colaboración e a expresión.  As súas funcións inclúen a preservación do patrimonio cultural, a promoción da lectura e a alfabetización, o asesoramento aos usuarios, e a creación de espazos físicos e dixitais que fomenten a socialización e o desenvolvemento persoal e profesional. Partindo entón da biblioteca como centro comunitario que fomenta a socialización para a aprendizaxe e a colaboración propoñémosvos para celebrar o Día das bibliotecas (24 de outubro) que participedes na elaboración dun "manual" para vivir no rural. Trátase de recompilar esas normas non escritas que todo persoa que vive nun pobo coñece e que lle resultan curiosas a visitantes e novos veciños. Sirvan de exemplos: Se te atopas con alguén polo camiño saúdase e se esa persoa faiche preguntas... pois as contestas, que non é por rexouba...

Letras Galegas adicado ás cantareiras

Imagen
A Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 a sete cantareiras e, a través delas, á poesía popular galega que elas interpretaban. Deste xeito, a Academia recoñece o papel das mulleres na creación e na transmisión literaria, así como o valor da lírica oral, esa que é anónima, que pertence á comunidade e que se aprende escoitando, cantando, traballando, divertíndose... en fin, vivindo nela. O noso recoñecemento tamén, dende o Concello de Esgos para as cantareiras e pandereiteiras da escola e banda de gaitas de Esgos Que soe a nosa lingua!! 

Escape room na biblioteca

Imagen
  Para celebrar o Día das Letras Galegas propoñemos unha actividade moi divertida para a rapazada (maiores de 10 anos): "Escape room os misterios da biblioteca" Plantexarémosvos unha situación de partida e teredes que ir descubrindo mediante o inxenio e cooperación formas de avanzar solucionar acertixos, claves, enigmas... para descubrir os misterios que agocha a biblioteca e poder saír da mesma antes de 60 minutos. Inscríbete na biblioteca! Agardámosvos o venres 30 de maio ás 18:00 horas. A biblioteca estará pechada este día por mor desta actividade!  Esta actividade forma parte do programa de animación á lectura Ler Conta Moito da Xunta de Galicia para as bibliotecas.

Día do libro: 23 de abril

Imagen
Un ano máis para celebrar o Día do libro deixaremos caixas con libros de agasallo nas paradas de autobús de Esgos e o Pinto para que os levedes como agasallo. Ademais, celebraremos na biblioteca este día co autor Óscar M. Guzmán que nos presentará o seu libro "Pero... como morren as pegas?"   

Día do libro

Imagen
Celebraremos o Día do Libro coa presentación do libro "Pero... como morren as pegas? de Oscar M. Guzmán.  Oscar naceu no Concello de Vilamarín (Ourense) e traballa como persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense. Pero… como morren as pegas? é a súa segunda novela, obra coa que gañou o V Premio Literario Vilar Ponte do Concello de Viveiro. Con anterioridade publicou Os segredos de Teresa (2021), coa que inauguraba a saga do inspector Saladino Mariño.  Agardámosvos o mércores 23 de abril ás 19:00h na biblioteca municipal de Esgos.

Pechado polo Día da muller

 O venres 7 de marzo a biblioteca estará pechada pola celebración do Día da Muller

Día de Rosalía

Imagen
  O 24 de febreiro festéxase o aniversario do nacemento da autora máis universal das nosas letras. Muller culta e propulsora do Rexurdimento, Rosalía de Castro revélase como a escritora e poeta referente absoluto da cultura galega. Para celebrar esta efeméride, a Biblioteca Municipal de Esgos convida a rendirlle homenaxe lendo e poñendo en valor a súa vida e obra. No catálogo da nosa biblioteca poden atopar libros cos escritos de Rosalía e tamén sobre a súa vida

Tardeo do 8M

Imagen
  Para conmemorar o 8M dende os Servizos Sociais do Concello propoñemos unha tarde de actividades para o venres 7 de marzo: obradoiro no que elaboraremos velas artesais da man de María Mendoza, acompañado dunha charla sobre empoderamento feminino e unhos petiscos para rematar a xornada. Para participar é imprescindible inscribirse antes do 5 de marzo nos Servizos Sociais do Concello, xa que as prazas son limitadas. Ademais, xa anunciamos que temos prevista tamén unha moi interesante conferencia a cargo de Bego Bermúdez sobre o uso correcto do suxeitador, unha peza clave na saúde da muller, que por motivos de axenda se celebrará no mes de maio.

Lectores de honra

Imagen
Visto o éxito que tiveron as clasificacións de lectores e usuarios  da biblioteca máis activos do ano coas que quixemos homenaxealos polo Día do usuario/a das bibliotecas (11 de xaneiro), propoñémosvos un reto: Todos os usuarios adultos ou infantís que lean ao longo de 2025 máis de 15 libros do catálogo da biblioteca municipal recibirán ademais do recoñecemento público, un diploma e o usuario con máis lecturas recibirá un premio. Anímaste a participar? Apúntate na biblioteca aos "Lectores de honra".

Outra clasificación para celebrar o día dos usuarios das bibliotecas

Imagen
O sábado pasado co gallo do “Día dos usuarios das bibliotecas” publicamos unha clasificación cos usuarios que máis libros levaron en préstamo durante o 2024  e hoxe queremos recoñecer tamén aos usuarios e usuarias que máis veces acudiron á biblioteca no último ano:

Día do usuario/a das bibliotecas

Imagen
A Biblioteca Municipal de Esgos prestou ao longo do ano pasado 855 libros, o que supón un incremento do 34% con respecto ao ano 2023. Mañá sábado, 11 de xaneiro, celébrase o “Día dos usuarios das bibliotecas”, unha xornada de recoñecemento ás persoas usuarias que son parte imprescindible deste servizo público que ten como principal misión favorecer o acceso á lectura e á información da cidadanía. Dende a nosa biblioteca queremos recoñecer aos lectores que máis libros levaron en préstamos durante o pasado ano: Entre os adultos destan 3 mulleres: Rita e Loli de Esgos e Andrea, veciña de Castro Caldelas. E nos usuarios infantís: Dana, Roi e Arnoia. Ademais, hoxe venres queremos agasallar aos usuarios que acudan á biblioteca con caramelos e a prensa local.

Andel violeta na biblioteca

Imagen
Na biblioteca andamos a preparar unha selección de libros sobre feminismo, violencia de xénero... para conmemorar o 25-N Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Os préstamos destes libros irán acompañados dun dulce agasallo

Exposición e libros para conmemorar o 25N

Imagen
Actividades para conmemorar o 25-N Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero na biblioteca municipal: EXPOSICIÓN “Á violencia de xénero dille non!” Do 8 ao 20 de novembro na Biblioteca Municipal ESTANTE VIOLETA Selección de libros sobre violencia contra as mulleres e de temática feminista na biblioteca Ademais o Concello organiza outras actividades: AUTODEFENSA Obradoiro de autodefensa para mulleres. Sábado 30 de novembro ás 11:00h no Centro Cultural Parada Justel. Inscricións nos Servizos Sociais do Concello. MOSTRA “Romper o silencio”. Escolma de frases contra a violencia de xénero recompiladas dende os Servizos Sociais do Concello á que podes sumarte deixando a túa escrita. Xardín do concello do 18 ao 30 de novembro

Resultado do obradoiro creativo polas Letras Galegas

Imagen
Para celebrar o Día das Letras Galegas organizamos na biblioteca o obradoiro "Unha viaxe creativa polas estacións do ano". Da man de Academia As Curuxas, aula das ciencias de Allariz elaboramos con materiais de refugallo un testo para plantas.  Tamén tivemos tempo para facer follas decorativas coa técnica do macramé: Esta actividade forma parte do programa de animación á lectura "Ler conta moito" da Xunta de Galicia.

Obradoiro creativo polo Día das Letras Galegas

Imagen
Para celebrar o Día das Letras Galegas organizamos o obradoiro "Unha viaxe creativa polas estacións do ano". Xoves 16 de maio ás 18:30h na biblioteca municipal. A academia As Curuxas- aula das ciencias de Allariz desprazarase á nosa biblioteca para impartir este obradoiro, no que se realizarán  obxectos decorativos con materiais de refugallo que os participantes poderán levar para casa: - Maceta humanizada con materiais de refugallo - Folla de macramé con fíos de algodón Para participar é necesario inscribirse na biblioteca, xa que as prazas son limitadas. Este obradoiro forma parte do programa de animación á lectura Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

Agasallos polo Día do Libro

Imagen
Esta semana estivemos na biblioteca preparando os lotes de libros que regalaremos para celebrar o Día do Libro. Hoxe deixamos caixas con libros e marcapáxinas que podedes coller como agasallo. Colocamos unha caixa na parada de bus de Esgos e outra na parada de bus de Esgos e hai máis libros na porta da biblioteca. (Parada de bus do Pinto)  Biblioteca Parada de bus de Esgos Ademais, o vindeiro martes, coincidindo co "Día do libro" regalaremos marcapáxinas con imán aos primeiros usuarios que se achegen ata a biblioteca.

Día do libro

Imagen
  Celebraremos o "día do libro" liberando libros en diferentes puntos do concello para achegar a lectura a un maior número de veciñas e veciños. O venres 19 de abril deixaremos caixas con libros e marcapáxinas en lugares que anunciaremos nas redes sociais do Concello para que os poidades levar como agasallo.  Os libros serán "únicos", porque levarán mensaxes escritas ou pequenos debuxos realizados pola rapazada que acuda á biblitoeca estes días. Se queres participar decorando algún dos libros pásate pola biblioteca unha tarde desta semana. Agardámoste!!