O venres 31 de outubro celebraremos un ano máis o Samaín cun percorrido da rapazada polas casas dos veciños. Para facer esta ruta é imprescindible inscribirse na biblioteca antes do 28 de outubro, onde xa se explicarán as condicións de participación. Este ano ademais, contaremos cunha "Casa do Terror" no Centro Cultural Parada Justel que estará aberta dende as 18:30h ás 20:30h para calquera que ouse entrar. Atréveste?
O venres 26 de xuño ás 18:00h na biblioteca teremos un obradoiro científico: Coñeces a Ángeles Alvariño, Ramona Vaamonde ou Begoña Vila Costa? Son só algunhas das moitas científicas galegas que destacan ou destacaron polos logros acadados nos seus respectivos campos de investigación. Ven divertirte cos nosos experimentos e descubre algunhas das grandes científicas galegas que contribuíron ao progreso da humanidade. Inscricións na biblioteca.
Segundo a IA: A finalidade das bibliotecas é proporcionar acceso á información, o coñecemento, a cultura e o lecer, actuando como centros comunitarios para a aprendizaxe, a colaboración e a expresión. As súas funcións inclúen a preservación do patrimonio cultural, a promoción da lectura e a alfabetización, o asesoramento aos usuarios, e a creación de espazos físicos e dixitais que fomenten a socialización e o desenvolvemento persoal e profesional. Partindo entón da biblioteca como centro comunitario que fomenta a socialización para a aprendizaxe e a colaboración propoñémosvos para celebrar o Día das bibliotecas (24 de outubro) que participedes na elaboración dun "manual" para vivir no rural. Trátase de recompilar esas normas non escritas que todo persoa que vive nun pobo coñece e que lle resultan curiosas a visitantes e novos veciños. Sirvan de exemplos: Se te atopas con alguén polo camiño saúdase e se esa persoa faiche preguntas... pois as contestas, que non é por rexouba...
Comentarios
Publicar un comentario