Aprende coas mulleres galegas

O proxecto "Aprende coas mulleres galegas" pretende achegarnos unha serie de actividades para coñecer e afondar na vida de diferentes referentes intelectuais de Galicia.


  • Maruja Mallo: foi unha pintora galega de recoñecemento internacional. Considerada unha das máximas representantes do surrealismo, a súa obra destaca en todos os ámbitos por unha constante e innovadora evolución artística.
  • Mª Victoria Moreno: foi unha profesora e escritora en lingua galega que se adicou principalmente á literatura infantil e xuvenil acadando un amplo recoñecemento polas obras "Anagnórise" e "Guedellas de seda e liño".
  • Ángela Ruiz Robles: chegou a Galicia con 23 anos para exercer como mestra preto de Ferrol. Non só ensinou a escribir a nenos e nenas, senón tamén a pais e nais analfabetos. Ademáis de mestra foi inventora, deseñando o que se considera o primeiro prototipo do libro electrónico.
  • Concepción Arenal: foi unha xurista, escritora, xornalista e loitadora que traballou incansablemente pola igualdade das mulleres. Ao longo da súa vida estudou a situación das persoas presas nos cárceres e a condición da pobreza na sociedade.
  • Ángeles Alvariño: foi unha científica galega de recoñecemento internacional. Estudou Ciencias Naturais e foi a primeira muller en viaxar como científica nun buque de investigación británico. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña. 
  • Ernestina Otero: foi unha mestra e pedagoga galega que traballou para implantar un novo xeito de aprender nas escolas. Ernestina estuda Maxisterio en Pontevedra e logo marcha a Madrid á Escola de Estudos Superiores, sendo unha das primeiras mulleres na unversidade. 
  • Mª Josefa Wonenburger Planells: María Wonenburger foi unha matemática e investigadora galega de renome internacional que traballou no campo da álxebra. Afecionada a deportes coma o hóckey e o baloncesto, foi unha alumna sobresaínte e unha gran políglota. Foi a primeira muller en acceder a unha bolsa Fulbright.
  • Emilia Pardo Bazán: Emilia Pardo Bazán foi unha escritora, xornalista, editora e catedrática galega, defensora dos dereitos da muller e precursora do movemento feminista. Foi a primeira muller catedrática en Literatura Contemporánea.
  • Olimpia Valencia: foi a primeira médica galega. Tras estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e realizar en Madrid a súa tese de doutoramento, abriu en Vigo a primeira clínica de xinecoloxía dirixida por unha muller. 
  • Filomena Dato: foi unha escritora, poeta, oradora e feminista galega. Na súa recompilación de poemas en galego, Follatos, fai unha alegación do papel da muller fronte aos estereotipos existentes a finais do século XIX. O poema "En defensa das mulleres" está considerado unha das primeiras obras feministas da nosa literatura.   
  • Isabel Zendal: Isabel Zendal foi unha enfermeira galega que formou parte da expedición para levar a vacina da varíola a América. Dende moi nova trasladouse da súa parroquia natal, en Ordes, á Coruña para traballar no Hospital da Caridade coidando dos nenos e nenas do orfanato.
  • Rosalía de Castro: Rosalía de Castro foi unha poeta e novelista galega, considerada como a máis destacada autora do Romanticismo do século XIX e unha das maiores representantes deo Rexurdimento galego.
  • Antonia Ferrín: fou unha matemática e astrónoma galega que obtivo as licenciaturas de química, farmacia e matemáticas. Foi mestra de escola, de instituto e de universidade. Destacou coma investigadora sendo a primeira muller en defender unha tese de Astronomía en España.
  • María Casares: foi unha actriz galega de cine e teatro. Viuse obrigada a abandonar España tras o levantamento fascista e ao longo da súa carreira acadou numerosos recoñecementos coma a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en España ou o Grand Prix national du théàtre en Francia.
  • Luz Pozo Garza: foi unha escritora, docente, poeta e crítica literaria. Estudou Maxisterio e Filoloxía Románica e ten unha grande obra literaria, destacando os poemarios Paxaro na boca ou Códice Calixtino. Dirixiu as revistas literarias Nordés e Orión, foi membro da Real Academia Galega e no ano 2005 foi galardoada coa medalla Castelao. 
  • María Barbeito Cerviño: foi unha mestra, pedagoga, tradutora, escritora e divulgadora que introduxo o método Montessori en Galicia, que se basea na liberdade e a autoaprendizaxe para poñer ao alumnado no eixo da educación.
  • Isabel Barreto: foi unha navegante galega, ademáis de gobernadora e adiantada, foi a primeira muller na  historia da navegación en obter o cargo de almirante. Descendente dunha familia portuguesa cunha importante tradición na expedición marítima, realizou expedicións a Perú e as illas Salomón.
  • Elisa Patiño: foi unha aviadora galega, a primeira muller en pilotar un avión en Galicia. O día 12 de outubro de 1913 na praia de Baltar, "Chichana" como era coñecida, despegou co seu aeuroplano deixando entusiasmada a toda a poboación.
  • María Vinyals: foi unha escritora, sufraxista e activista social galega. Considerada unha das pioneiras da reivindicación feminista en Galicia, destacou pola súa intensa actividade na loita pola igualdade a través dos seus artigos, conferencias e iniciativas.
  • Exeria: naceu na provincia romana da Gallaecia. Realizou unha viaxe de tres anos de duración na que peregrinou ao Oriente próximo e reflectiu toda esta viaxe nun libro no que relata as súas aventuras. Este libro converterase no primeiro libro de viaxes escrito por unha galega.
  • María Luz Morales: foi unha xornalista, escritora, crítica teatral e asesora de tradución de guión para a produtora Paramount. Polo seu traballo en diferentes medios convértese nun refernte no mundo do xornalismo e no ano 1963 é rcoñecida co Premio Nacional de Teatro. 
  • Manuela Barreiro: foi a primeira muller farmacéutica de Galicia. Foi a primeira muller en Galicia en acadar o título de bacheralato, a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela, na que obtén o título de Farmacia, e a primeira muller en ter unha farmacia de seu. 
  • Rita Fernández Queimadelos: foi a primeira arquitecta nada en Galicia. Estudou na Facultade de Ciencias de Santiago, asistiu á Escola de Artes e Oficios e, tras rematar esa primeira formación, marchou a Madrid a estudar aquitectura. Entre as súas obras destacan o antigo concello de Fuenlabrada, os proxectos de reconstrucción de Carabanchel ou os traballos realizados como arquitecta municipal en Mula (Murcia). 
  • Xela Arias: foi unha escritora, editora, tradutora e profesora de literatura. Foi unha muller comprometida, ecoloxista e feminista. Participa en movementos culturais como a Festa da Palabra Silenciada, revista de cultura producida por Feministas Independentes Galegas, ou en Burla Negra, contra o desastre do Prestige. Entre as súas obras destacan Diario a diario ou Tigres como cabalos.  
  • Pura Vázquez: foi poeta, mestra e membro correspondente da Real Academia Galega, é a primeira muller en publicar en galego logo da Guerra Civil. Pura foi unha rapaza amante la literatura dende moi nova, o que a leva a estudar maxisterio para ser mestra. 
  • Lolita Díaz Baliño: foi pintora, fotógrafa e profesora de debuxo. En 1938 foi a primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes.
  • María Pita: foi unha comerciante galega, defensora da cidade da Coruña ante o ataque do almirante Drake, no ano 1589.
  • Marcela Gracia e Elisa Sánchez: foron unhas mestras galegas que protagonizaron o primeiro casamento entre mulleres o 8 de xuño de 1901 na Coruña. Para poder realizar esta unión, Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina e así enganar ao párroco que debía oficiar o casamento.
  • Elisa e Jimena Fernández de la Vega: foron dúas irmás xemelgas e as primeiras mulleres en estudar nunha universidade galega, licenciándose en medicina en 1919. Jimena obtivo ademais o premio extraordinario da licenciatura e viaxou por toda Europa para completar a súa formación. 
  • Sofía Casanova: foi unha poeta, xornalista, correspondente de guerra, actriz, enfermeira, escritora... Escribiu contos, novelas e máis de 1200 artigos en diferentes xornais e revistas. 
No seguinte enlace podes descargar as actividades e unidades didácticas:

Comentarios

Entradas populares de este blog

Novo servizo de mensaxería

Nova imaxe e servizos da Rede de Bibliotecas de Galicia

Novidades de marzo